Unha semana despois da súa inauguración, os campos de petanca do novo parque do barrio do Burgo acollerán esta fin de semana a súa primeira competición. Un total de nove equipos competirán este sábado 4 de setembro nos terreos situados entre a rúa Fernández e a avenida de Compostela, na parte traseira do Pavillón Municipal dos Deportes, na terceira edición da Copa Concello de Pontevedra de Petanca.
O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, explica que "o torneo desenvolverase ao longo de toda a xornada, disputándose a partir das 10 horas os encontros polos postos do 5º ao 9º e, xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, as finais polos postos do 1º ao 4º".
No goberno local son conscientes de que a práctica desta disciplina deportiva está a crecer no municipio e o Concello trata de dar resposta a esta demanda construíndo novas infraestruturas que permitan practicala nas mellores condicións. De feito, están previstos outros sete campos novos ao longo do presente mandato.
Os equipos que tomarán parte nesta III Copa Concello de Pontevedra son O Pote (Mourente), O Mirador (Monte Porreiro), O Carballo (Mourente), San Andrés de Xeve, Centro Social (Pontevedra), Salcedo Norte, San Martiño (Salcedo), Verducido e Petanca Marín. O propio Tino Fernández presidirá o sábado a partir das 19.30 horas o acto de entrega de trofeos do torneo, que terá lugar cando remate a fase final e no que se outorgarán galardóns para os catro primeiros clasificados.