Os presidentes territoriais piden a dimisión de Rubiales con Louzán como "un dos principais impulsores dos termos do comunicado"

Pontevedra
29 de agosto 2023

A Real Federación Galega de Fútbol asegura que o presidente galego foi un dos defensores do comunicado no que os dirixentes territoriais solicitan "de maneira inmediata" a dimisión de Luís Rubiales "despois dos últimos acontecementos e os inaceptables comportamentos que danaron con gravidade a imaxe do fútbol español"

Rafael Louzán, entrando na sede da RFEF para acudir á Comisión de Presidentes de Federacións de Ámbito Autonómico e Territoriais EFE / Sergio Pérez

Despois dunha interminable reunión, que comezou ás 16.00 horas da tarde do luns e non concluíu ata pasadas as 22.00 horas da noite, a Comisión de Presidentes de Federacións de Ámbito Autonómico e Territoriais da Real Federación Española de Fútbol acordou solicitar por unanimidade e "de maneira inmediata" a dimisión de Luís Rubiales como máximo dirixente do fútbol nacional "despois dos últimos acontecementos e os inaceptables comportamentos que danaron con gravidade a imaxe do fútbol español", afirman en relacións ás celebracións pola consecución do Mundial por parte da Selección Española Absoluta Feminina e o polémico bico non consentido á xogadora Jenni Hermoso.

En representación do balompé galego estivo en Madrid o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, defendendo a organización autonómica que Louzán foi "un dos principais impulsores dos termos do comunicado".

No seu texto os presidentes territoriais aseguran que "instaremos os órganos correspondentes a unha profunda e inminente reestruturación orgánica en cargos estratéxicos da Federación para dar paso a unha nova etapa de xestión no fútbol español".

"Felicitamos efusivamente á Selección feminina de fútbol polo seu triunfo na Copa do Mundo. Valoramos o significado e o legado do éxito para o deporte español. Presentamos a nosa admiración e agradecemento a un grupo de xogadoras irrepetible e estendemos a nosa felicitación a todas aquelas persoas que construíron, ao longo dos anos con empeño, o crecemento do fútbol feminino", explican.

Ademais aseguran que a RFEF "mantén o seu compromiso de continuar implementando o seu investimento, así como as políticas de igualdade para o desenvolvemento do fútbol feminino".

Os dirixentes autonómicos deron tamén o seu "respaldo unánime" a Pedro Rocha "para que lidere unha nova etapa onde o diálogo e a reconciliación con todas as institucións do fútbol sexa a liña para seguir".