Os penaltis dan o ascenso a un avaro Mensajero e mandan ao Pontevedra á repesca (1-0)

Pontevedra
31 de maio 2015

O gafe tradicional que parece perseguir ao Pontevedra nas fases de ascenso fixo a súa aparición nun Pasarón abarrotado, onde un Mensajero ultradefensivo, amparado no seu maior oficio, fixo do "outro fútbol" unha arte para anular as virtudes dos locais, que distaron moito do seu mellor nivel, deixando escapar un partido que parecía só podía ser gañado polos de Luisito

Quenda de penaltis no Pontevedra-Mensajero Diego Torrado

O gafe tradicional que parece perseguir ao Pontevedra nas fases de ascenso fixo a súa aparición nun Pasarón abarrotado, onde un Mensajero ultradefensivo, amparado no seu maior oficio, fixo do "outro fútbol" unha arte para anular as virtudes dos locais, que distaron moito do seu mellor nivel, deixando escapar un partido que parecía só podía ser gañado polos de Luisito.

Os canarios souberon aguantar. A tolerancia arbitral fixo tamén a súa parte, permitindo as constantes interrupcións, perdas de tempo e demais estratexias, que logo non tiveron compensación no oportuno desconto, máis ben curto, aplicado polo colexiado.

Claro que iso non pode ser escusa. Ao fútbol tamén se xoga así. O oficio dá vitorias, aínda que sexan sen brillantez e aburrindo ao persoal, pero o Mensajero soubo sufrir e lévase o ascenso. Ao Pontevedra quédalle unha sempre complicada repesca. Non está todo perdido, pero a desilusión foi enorme e o camiño por percorrer para lograr o obxectivo volveuse máis árido e longo.

A decepción local contrastaba coa alegría visitante. O fútbol fora inxusto co fútbol e cun Pontevedra, pero sobre todo cunha afección que deixou moi claro que non merece esta longa travesía polas catacumbas.

Polo que respecta ao partido, mentres o Mensajero apostaba polo mesmo once inicial do partido de La Palma, Luisito facía unha pequena e inesperada revolución, con catro cambios. De entrada Pablo Carnero quedaba no banco, como consecuencia das molestias nos isquiotibiales sufridas durante a semana, para deixar sitio a Jorge. Logo Anxo aparecía como lateral esquerdo, buscando profundidade e percorrido pola banda, con Jacobo por diante súa e, quizais a maior sorpresa, a presenza de Tomás na medular, apostando pola calidade do canteirán no manexo do balón.

Con esas premisas, tensión e intensidade pero pouco fútbol. Foi a tónica dunha primeira parte de clara cor local aínda que con escasa chegada á zona de perigo. Os canarios deixaron claro dende o asubío inicial que o seu obxectivo pasaba por conseguir que se xogase o menos posible, recorrendo a ese "outro fútbol" que algúns chaman "oficio", consistente en perder todo o tempo posible e intentar cortar o ritmo de xogo.

Conseguírono pero só en parte, xa que o Pontevedra se fixo dono do balón, aínda que pecou de falta de pegada nas tres ocasións das que dispuxo, todas elas nas botas dun Jorge, que non acertou co remate. A primeira chegaba aos 11 minutos, nun gran centrto de Tomás. A segunda aos 24. Neste caso o que centrou foi Mouriño, pero Jorge mandou o balón desviado. E a terceira e máis clara aos 38 minutos, tras unha gran xogada deJacobo que lle habilita para que encare a Kilian. Só ante o meta canario o seu disparo marchou fóra.

Foi toda a pólvora da primeira parte no que se refire ao lado local. Do Mensajero unicamente se soubo que tiña "prohibido" pisar do centro do campo cara a arriba. Nin un corner, nin unha falta lateral, nin unha chegada á área, limitándose a despexar e confiar en que os minutos fosen pasando para facer valer o solitario gol da ida.

Pero se a primeira metade fora un exemplo do "outro fútbol", a segunda superouna de sobra. Abonde apuntar que posiblemente esaxeremos se dos primeiros 15 minutos o balón estivo en xogo máis de tres. Lesións reais ou simuladas, interrupcións constantes e nada de xogo. O Mensajero non quería e o Pontevedra non podía, atordado pola ansiedade a medida que se consumían os minutos.

A esperanza radicaba en que os canarios acusasen o esforzo. E fixérono a partir do minuto 65, xusto cando Luisito decidiu que era hora de arriegar co cambaleante Pablo Carnero. O Pontevedra tiña problemas na construción de xogo. Jorge volvía avisar nun remate de cabeza alto, a centro de Tomás.

Pero a ocasión máis clara tívoa Kevin Presa ao recibir un balón rexeitado na área. Mandouno fóra cando se cantaba o gol. Marcaron os canarios, pero o árbitro pitara antes por man de Nata. Foi a única aproximación á área dun Mensajero que seguía fiando todo á falta de acerto do rival.

Jacobo enganchou unha volea que se marchou fóra, minuto 77. E cando todo parecía perdido para o Pontevedra chegou o gol que mandaba o partido á prórroga e facía estalar de xúbilo Pasarón. A tres minutos dos 90, na mellor xogada do partido, case a única, Tubo pon un centro preciso e Jorge remata de cabeza, esta vez si, á mesma escuadra.

Os primeiros 15 minutos da prórroga unicamente serviron para confirmar que ao Mensajero se lle rematara a gasolina había tempo, do mesmo xeito que o Pontevedra non tiña a súa tarde no aspecto rematador. Iso si, se alguén buscaba o gol eran os granates, que dispuxeron dunha nova ocasión en centro de Fran Fandiño que Pablo Carnero rematou de cabeza alto.

O sucedido na segunda parte da prórroga non pode ter máis cualificativo que o de antifútbol. Co xogo interrompido constantemente polas simulacións de lesións dos xogadores visitantes, só faltaba que ata o árbitro da contenda houbese de ser atendido por cambras, de aí os cinco minutos de engadido, que mesmo pareceron poucos.

Houbo un gol anulado a Jorge, nada máis comezar esta segunda parte, por fóra de xogo. E absolutamente nada máis. Os canarios quedaban con 10 homes por dobre amoestación de Fede, e logo con 9, polo mesmo con Iray Barreto, xa no engadido, pero conseguiron o seu obxectivo de chegar aos penaltis.

Evidentemente un premio absolutamente inmerecido para a cativeza futbolística que exhibiron sobre o cesped, pero do que souberon sacar petróleo polo seu maior acerto dende os once metros, logrando un ascenso asentado exclusivamente nunha demostración de oficio, fronte a un Pontevedra vítima dos seus nervios, que non soubo ler o partido.

Jorge, Pablo Carnero e Kevin Presa, transformaban os seus lanzamentos, detendo Kilian os disparos de Mouriño e Tubo. Polo Mensajero Rayco lanzou alto o primeiro lanzamento do seu equipo, pero Yeray, Jaime, Juanda e finalmente Silvano, batían a Edu e daban o ascenso ao equipo canario.

PONTEVEDRA CF (1 +3): Edu (1); Adrián (1), Campillo (2), Capi (2), Anxo (1); Kevin Presa (3); Mouriño (1), Tomás (2), Álvaro Muñiz (1), Jacobo (3); e Jorge (2).

Substitucións: Tubo (2) por Álvaro Muñiz, minuto 57. Pablo Carnero (1) por Tomás, minuto 67. Fran Fandiño (1) por Adrián, minuto 91.

CD MENSAXEIRO (0 +4): Kilian (3); Fede (2), Dani Hernández (1), Jaime (2), Juanda (2); Yeray Pérez (2), Silvano (2), Rayco González (2), Iray Barreto (1); Iván Linch (1) e Natanael (2).

Substitucións: Alfredo (1) por Dani Hernández, minuto 57. Dani López (s.c.) por Iván Linch, minuto 71. Guille (1) por Dani López, minuto 79.

Árbitro: César Ramos Domínguez (Asturias), auxiliado nas bandas por Israel Bárcena Rodríguez e Enrique Gao Aladro. Expulsou por dobre amoestación aos xogadores visitantes Fede (minuto 110) e Iray Barreto (minuto 121). Amoestou a Kevin Presa, Tubo, Mouriño e Jacobo, polo Pontevedra, e a Juanda, Dani Hernández, Rayco González, Guille, Alfredo e Nata, polo Mensajero.

Goles: (1-0) Minuto 87: Jorge.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón. Partido de "volta" da eliminatoria de campións polo ascenso a Segunda División B. Cheo, cuns 12.000 espectadores. O Mensajero logra o ascenso ao impoñerse nas quendas de lanzamentos dende o punto de penalti.