Os padeeiros pontevedreses avanzan con paso firme en Hungría

Pontevedra
23 de agosto 2019

Nove deportistas da comarca de Pontevedra e Arousa disputan este viernes as semifinais co obxectivo de clasificarse para a regata das medallas que tamén repartirá billetes para os Xogos Olímpicos

Antía Jácome e Patricia Coco no mundial de Szeged Fegapi

Os padeeiros pontevedreses que pugnan por unha medalla e a clasificación para os Xogos Olimpicos de Tokio no mundial de piragüismo sprint que se está celebrando na cidade húngara de Szeged xa están en semifinais.

Os primeiros en certificar a súa clasificación foron Sergio Vallejo e Adrián Sieiro, do Piragüismo Poio. Nas eliminatorias do C2 1000, a parella cruzou a liña de meta en segundo lugar cun tempo de 3:35.05, só superados pola embarcación alemá. Vallejo e Sieiro loitarán por un un posto na final este venres a partir das 17.46 horas cos barcos de China, Canada, Polonia e Romanía. Só os tres mellores terán sitio na final, na que ademais do cetro mundial está en xogo o pase aos Xogos.

David Barreiro tamén cruzou a meta en segunda posición na primeira rolda do C1 500 e buscará un oco na final este venres ás 12.03 horas. Á mesma rolda está clasificada a pontevedresa Antía Jácome, que buscará o salto á final do C2 500 xunto á súa compañeira Patricia Coco, despois de terminar terceira na primeira rolda.

O K4 da arousá Natalia García finalizou sexta a primeira eliminatoria, aínda así lograron clasificarse para a semifinal para buscar o pase á carreira polas medallas este venres ás 17.06 horas.

Tamén para o venres está previsto o debut dos pontevedreses Carolina Garcia no K1 500 e Pablo Graña, con Alberto Pedrero, na final de C2 200 ás 15.06 horas. Na mesma xornada disputarase a final de K4 1000 coa presenza de Iago Monteagudo e a semifinal do K1 200 de Teresa Portela.