Os descartes do Pontevedra atopan equipo

Pontevedra
13 de agosto 2020

Edu Sousa e Adighibe firmaron polo Talavera, Pedro Vázquez, polo Coruxo; Nacho López, polo Salamanca; e Álex Fernández, polo Arenteiro. Berrocal e Campillo continúan sen equipo

Partido de liga entre Pontevedra e Sporting B en Pasarón Diego Torrado

En dúas semanas frenéticas o Pontevedra fixo oficial a saída de nove futbolistas que defenderon a camiseta granate o pasado curso, así como a chegada de oito novos reforzos e a continuidade doutros oito xogadores. Co inicio da competición, a volta aos adestramentos e a decisión de Álvaro Bustos sobre o seu futuro no aire, os movementos detivéronse nas oficinas de Pasarón, desde onde seguen peiteando o mercado para reforzar as áreas máis débiles do plantel.

Mentres tanto, os descartes do primeiro equipo, entre os que se atopaba o núcleo duro do vestiario durante as últimas tempadas, foron atopando acomodo en novos equipos.

Dos primeiros en resolver o seu futuro foi o excapitán Edu Sousa, que se atopa xa adestrando baixo a disciplina do Talavera. Mesmo destino no que recalou o dianteiro Adighibe despois de chegar a un acordo coa directiva granate para a rescisión do seu contrato. Alí reencontraranse cun vello coñecido da inchada pontevedresa, David Añón que cambiou o Coruxo pola cidade toledana.

Ao barrio vigués regresará Pedro Vázquez. Despois de dúas tempadas no conxunto de Pasarón, o extremo vigués regresa á que foi a súa casa durante as cinco tempadas anteriores.

Na categoría de bronce competirá tamén Nacho López que asinou esta semana polo Salamanca, que prepara un ambicioso proxecto para tratar de coarse o próximo ano na Segunda B Prol.

Un chanzo competitivo baixou Álex Fernández, que esta semana fixo oficial a súa fichaxe polo Arenteiro para compartir vestiario co seu excompañero no Pontevedra, Javi Pazos. Tamén Brian Xaén xogará o próximo curso en Terceira División, farao nas filas do Real Ávila.