Os deportistas paralímpicos pontevedreses poñen rumbo a Río

Pontevedra
30 de agosto 2016

O pontevedrés Juan Antonio Saavedra, clara opción de medalla en tiro olímpico, debutará nos Xogos o 10 de setembro. Dous días antes estrearase entre outros o nadador vigués do Galaico Chano Rodríguez

Juan Antonio Saavedra (dereita) xunto ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores Mónica Patxot

Durante toda a semana, de maneira graduada, o equipo español que competirá nos Xogos Paralímpicos irá chegando a Río de Janeiro, entre eles os deportistas pontevedreses que lograron a súa clasificación durante os últimos meses.

Unha das opcións claras de medalla é a do pontevedrés Juan Antonio Saavedra, prata en Londres 2012 e que en Brasil competirá en tres categorías do tiro olímpico.

Debutará o 10 de setembro na categoría R3 Carabina Tendida (14:30 hora española as eliminatorias e 16:45 a final) e en R4 Carabina de Pé (17:15 horas as eliminatorias e 19:45 horas a final). Para o final quedará a modalidade na que foi medalla en Londres, R6 Carabina Libre Tendida (4:30 hora española as eliminatorias e 16:45 a final).

Tres probas afrontará tamén en Río de Janeiro Chano Rodríguez, nadador vigués do Galaico de Pontevedra, que se estreará o 8 de setembro nos 200 Libre (16:35 hora peninsular as eliminatorias e 1:31 horas da madrugada do día 9 a final). Ademais nadará os 50 Libre o 12 de setembro (17:00 horas eliminatorias e 1:36 horas da madrugada a final) e os 100 Libre o 17 de setembro (16:08 clasificatorias e 0:50 horas da madrugada a final).

Nos Xogos Paralímpicos tamén competirán outros deportistas da provincia, como os vigueses Susana Rodríguez en tríatlon (11 de setembro), Gustavo Nieves en atletismo (15 de setembro os 5.000 metros e o día 18 o maratón), Martín de la Puente en tenis en cadeira (desde o 9 de setembro) e Agustín Alejos no equipo de baloncesto é cadeira (desde o 8 de setembro).

Tamén haberá que ter en conta ao ciclista paralímpico César Neira, madrileño pero nas filas do Supermercados Froiz pontevedrés, que afrontará o 10 de setembro a proba de persecución en pista, o 14 a contrarreloxo en estrada e o 17 de setembro a proba de estrada en liña.