Os clubs xa gozan da piscina olímpica, que será accesible para toda a cidadanía "en setembro ou outubro"

Pontevedra
03 de maio 2023

A Fundación Rías do Sur asegura que "varias empresas" interesáronse pola situación do complexo e visitárono, e a súa previsión é que "nos comezos da vindeira tempada estea todo funcionando", asegurou o seu presidente, Héctor Vilariño, nunha visita do alcalde de Pontevedra ás instalacións 

Os clubs de auga volven usar a piscina olímpica máis dun ano despois PontevedraViva

Máis dun ano despois do seu peche, a piscina olímpica de Ponte Muíños segue a dar pasos adiante para recobrar a súa actividade, co inicio dos adestramentos dos clubs de auga da cidade no vaso grande de 50 metros.

Esta semana os clubs federados puideron por fin volver tirarse á auga da piscina olímpica, unha opción de momento reservada a eles e aos deportistas de elite. Trátase dun paso apoiado nun acordo co Concello de Pontevedra, a Fundación Rías do Sur e os propios clubs deportivos.

"Era difícil de entender que 530 nenos que están neste momento en activos nos clubes de auga non tivesen lámina de auga para adestrar e competir", sinalou este mércores nunha visita ás instalacións o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

"A condición que o Concello puxo para investir na instalación é que a lámina de auga sexa para todos os clubes, sen distinción de ningún tipo", sinalou o rexedor.

Dado este importante paso, moi esperado polos clubs, agora falta poder volver reabrir a instalación ao completo. Neste sentido segundo as previsións que manexa a Fundación Rías do Sur o obxectivo "é que nos comezos da vindeira temporada estea todo funcionando. Setembro, outubro, por aí vai andar", recoñeceu o seu presidente, Héctor Vilariño.

Explica o representante de Rías do Sur que "temos ahgora mesmo interese de varias empresas pola instalación. Polo momento non temos ofertas pero si varios interesados en coñecer a instalación, e algúns mesmo repetiron visita".

Na visita dos representantes institucionais á piscina olímpica os dirixentes locais estiveron acompañados polos presidentes dos clubs de auga de Pontevedra, afirmando Alberto Castro, do Club Natación Galaico, que todos eles están "motivados e contentos por volver ter auga, porque sen auga non temos deporte". E é que "é unha marabilla que isto estea cheo de novo, ver a piscina olímpica chea de xente, de deporte".