Os clubs de taekwondo reciben material de protección contra o Covid-19

Pontevedra
10 de xuño 2020

A Federación Galega de Taekwondo realizou nos últimos días unha repartición de material de protección para que os case 60 clubs galegos, entre eles os  pontevedreses, poidan retomar a súa actividade

Material de protección contra o Covid-19 enviado pola Federación Galega de Taekwondo ao Mace Sport Mace Sport

Os clubs de taekwondo da comarca prepáranse para volver á actividade adaptados ás esixencias da alerta sanitaria.

Para iso resultou fundamental a achega realizada estes días pola Federación Galega de Taekwondo, que enviou material de protección contra o Covid aos preto de 60 clubs autonómicos.

En concreto o lote enviado e que recibiron entidades como o Mace Sport pontevedrés ou o Mat's de Marín, dous dos ximnasios con maior actividade na zona, componse dun termómetro corporal sen contacto, dous frascos e unha garrafa de 5 litros de xel desinfectante de mans, un  pulverizador dun litro e unha  garrafa de 5 litros de desinfectante de superficies, dúas bobinas de papel mecha, pantallas de protección individual para o 50% das licenzas de cada club e unha alfombra desinfectante para o acceso ao centro.

O Mace Sport agradeceu cun vídeo do material a axuda prestada polo organismo federativo.

Pola súa banda o Mat's, coincidindo coa recepción, anunciou a súa intención de retomar os adestramentos infantís a mediados de mes, con grupos reducidos de 12 nenos como máximo.

Esta compra de material forma parte do plan de desescalada elaborado pola Federación Galega. Neste proxecto establécense os prazos e as medidas de seguridade a tomar tanto no caso dos clubs como a nivel de seleccións galegas ou de deportistas de alto nivel e os que se atopan nos Centros de Alto Rendemento.