Os cisneístas Chan e Furtado despídense do mundial cun MVP cada un

Pontevedra
24 de xaneiro 2023

O canteirán do Cisne con nacionalidade norteamericana foi nomeado mellor xogador do partido na derrota de Estados Unidos fronte a Bahrain, mentres que o caboverdiano logrou o mesmo na primeira fase na derrota #ante Brasil. 

Guatlher Furtado, xogador do Cisne, compite con Cabo Verde no mundial de balonmán de Suecia e Polonia 2023 IHF

Era unha misión case imposible e finalmente non houbo milagre. As seleccións de Estados Unidos e Cabo Verde, cos cisneístas Álex Chan e Gualther Furtado entre as súas filas, despídense do mundial de balonmán despois de quedar eliminados na main round, a segunda fase de grupos da competición que inicia este mércores en Polonia e Suecia a disputa dos cuartos de final.

A pesar da eliminación, ambas as seleccións, das máis modestas do campionato, cumpriron o seu obxectivo ao superar a primeira fase da competición. Ademais, Chan e Furtado tiveron un papel destacado nos seus equipos. O caboverdiano foi nomeado mellor xogador do partido na derrota da súa selección fronte a Brasil. Mentres que Álex Chan recibiu o mesmo galardón a pesar da derrota do seu equipo fronte a Bahrain. Nese encontro, o cisneísta anotou cinco tantos e foi o segundo máximo goleador dos seus. 

Ademais, nesta segunda fase do mundial Estados Unidos logrou ampliar a súa conta de vitorias á conta de Bélxica no primeiro partido desta fase. Con todo, as dúas derrotas sufridas fronte a Dinamarca e Bahrain frustaron o soño de estar entre os oito mellores equipos do mundial. Estados Unidos acabou en penúltima posición do seu grupo. 

Moito máis lonxe quedou a Cabo Verde de Gualther Furtado, que perdeu os tres partidos da liguiña e acabou como último clasificado do seu grupo despois de caer con claridade fronte a Hungría, Portugal e Islandia.