Os cadetes Mario Touriño e Mario Paz, do Waterpolo Pontevedra, citados pola RFEN

Pontevedra
16 de novembro 2022

A convocatoria forma parte do Plan Nacional de Tecnificación do Waterpolo, no que se inclúen actuacións individuais para deportistas de cada comunidade autónoma. Os dous pontevedreses compartirán adestramentos con outros catro waterpolistas galegos

Mario Touriño e Mario Paz, citados pola RFEN Club Waterpolo Pontevedra

Os deportistas cadetes do Club Waterpolo Pontevedra Mario Touriño e Mario Paz acaban de ser convocados pola Real Federación Española de Natación (RFEN) para participar nunha concentración no Centro de Alto Rendemento de Sant Cugat.

Xunto a outros deportistas galegos, tres mulleres e outro home, os dous Marios desprazaranse a Barcelona para realizar unha serie de adestramentos no CAR a cargo do adestrador da RFEN Antonio Aparicio.

Esta acción está dentro do Plan Nacional de Tecnificación de Waterpolo, no que se inclúen actuacións individuais de deportistas de cada comunidade autónoma.

Será unha boa experiencia deportiva e persoal para ambos, que do 21 ao 23 de novembro terán oportunidade de participar en adestramentos de alto nivel.

Irán acompañados polo adestrador do club Kike García.