Os box de crossfit serán os primeiros centros de adestramento en abrir en Pontevedra

Pontevedra
20 de maio 2020

O 25 de maio, se Pontevedra pasa á Fase 2 da desescalada, os centros de adestramento poderán volver abrir baixo estritas medidas de seguridade como a oferta de espazos e adestramentos individualizados e material que se poida desinfectar para cada usuario

Os box de crossfit serán os primeiros centros de adestramento en retomar a actividade en Pontevedra Mónica Patxot

O 25 de maio, se Pontevedra logra entrar na Fase 2 da desescalada polo coronavirus, Os amantes do deporte poderán dar un novo paso cara á volta á normalidade. O cambio de fase, ademais de dar maior liberdade para a práctica do deporte ao aire libre, permitirá a algúns centros de adestramento volver abrir as súas portas baixo unhas estritas medidas de seguridade. Algo para o que xa están preparados os dous centros de crossfit da cidade, que pola súa oferta de adestramento individual, sen contar o CGTD, son dos poucos ximnasios que poderán renovar a súa actividade.

"Teremos un espazo delimitado e individualizado, con medidas de seguridade e material individualizado e que se poida desinfectar",explican os propietarios do Box 004 de Crossfit en Pontevedra, Darío Pérez e Luís Lalín. "Témolo todo preparado: distancias de seguridade entre usuarios, medios de desinfección e limpeza", confirman tamén desde Crossfit Turoqua.

"Poderase proceder á apertura das instalacións deportivas cubertas para a realización de actividades deportivas", recolle a Orde do Ministerio de Sanidade publicada no BOE do 16 de maio no que figuran as novas normas de seguridade para aqueles territorios que pasen á Fase 2.

Con todo, o documento puntualiza que "se poderá permitir a práctica deportiva individual sempre sen contacto físico mantendo as debidas medidas de seguridade e protección, e en todo caso a distancia social de seguridade de dous metros. Así mesmo, respectarase o límite do trinta por cento de capacidade de aforo de uso deportivo".

O elemento diferencial entre estes centros de adestramento e outro tipo de ximnasios e que resulta decisivo á hora de retomar a actividade é "non se poden dar clases dirixidas como spinning ou pilates porque están a utilizar un espazo común. Aquí estarán nun espazo individualizado e con máis de tres metros de separación entre cada un. Ademais, é un adestramento individual, non colectivo que é o prohibido", remarcan no Box 004. "As nosas medidas preventivas son complicadas de tomar por outros centros", admiten desde Turoqua.

Aínda así, as rutinas de adestramento habituais neste tipo de centros terán que adaptarse inevitablemente á nova normalidade. "Vaise medir a temperatura na porta, teremos unha alfombra desinfectante, non podemos usar maquinas aeróbicas, non se poderá saír a correr e terán que cambiarse as zapatillas ao entrar. E programación evolutiva porque despois de dous meses tirados vai ser como volver empezar.", detallan Lalín e Pérez.

O uso de máscaras non está aínda claro. "Se obrigan, implementarémolas. É o novo concepto de adestramento, fitness e deporte que se vai a ter que facer desde aqui ata non se sabe cando", asumen no Box 004.

Os principais ximnasios da cidade, como o BeOne de Campolongo ou o Rías do Sur de Pontemuíños, aínda non teñen unha estimación de cando volverán abrir. E centros de adestramento máis pequenos e especializados prefiren manterse pechados e esperar acontecementos.

"Poderiamos dar clase de un en un, pero a norma non está nada clara", lamenta o propietario do Mace Sport e adestrador de taekwondo, Miguel Cortegoso, que mentres mantén conversacións diarias coa súa asesoría, segue adestrando aos seus pupilos a través de clases por Instagram.

Tampouco a reapertura supón un salvavidas para este tipo de centros de adestramento polas limitacións de aforo e porque moitos usuarios senten aínda medo ou falta de seguridade para volver adestrar nun espazo pechado con máis persoas.

"Nós xa traballabamos con aforo reducido, por iso non nos afecta tanto. Programaremos máis número de clases para equilibrar. O problema é ver cantos nos entran pola porta", rematan Pérez e Lalín, seguros de que o seu box é máis seguro que saír a unha terraza para tomar un café.