Organizan unha viaxe en autobús gratuíta para apoiar o Pontevedra na súa visita ao Compostela

Pontevedra
13 de xaneiro 2022

O club granate anunciou este xoves a organización dunha viaxe para os seus afeccionados de fronte ao próximo partido de liga en Santiago nun autobús fretado pola empresa San Marcos. Só será necesario abonar o custo da entrada

Partido de liga en Pasarón entre Pontevedra e Arosa. Temporada 2021/2022 Cristina Saiz

O primeiro partido da segunda volta de competición na Segunda RFEF levará o Pontevedra Club de Fútbol o vindeiro domingo 23 de xaneiro (17.00 horas) a Santiago de Compostela, un encontro no que o club granate non estará só.

Aos esperados desprazamentos de seguidores en coches particulares súmase a viaxe organizada que anunciou este xoves a entidade de Pasarón.

Trátase dun desprazamento en autocar sufragado pola empresa San Marcos, polo que o transporte será de balde para os afeccionados e só será necesario abonar o custo das entradas para ver o partido no Estadio Vero Boquete fronte á SD Compostela.

Estas entradas fixáronse en 15 euros para o público adulto e en 5 euros para os menores de idade.

O autocar ten previsto partir desde o Pavillón Municipal dos Deportes ás 15.00 horas para regresar tras o encontro, sendo necesario reservar praza nas oficinas do Pontevedra, no Estadio Municipal de Pasarón.