Támara Echegoyen estará na gran cita deportiva do ano, os Xogos Olímpicos de Tokyo que se celebrarán o próximo verán.
Así o confirmou este mércores a Real Federación Española de Vela tras a análise do último campionato do mundo, disputado a semana pasada en Geelong, Australia.
Echegoyen e a súa compañeira Paula Barceló proclamáronse en Australia campioas do mundo na clase 49er FX tras un notable campionato, o que convenceu ao Comité de Preparación Olímpica da federación para outorgarlles a praza en Tokyo, a pesar de non ser elas as que conseguiron clasificar a España para a cita xa que na anterior cita mundialista víronse obrigadas a retirarse por unha lesión de Barceló.
Desta forma a regatista pontevedresa afrontará os seus terceiros Xogos Olímpicos, tras os de Londres 2012 e Río 2016, e farao como unha das tripulacións favoritas ás medallas despois do demostrado no Mundial.
Támara Echegoyen conta no seu palmarés cunha medalla de ouro olímpica, a conseguida en 2012 na modalidade de Match Race xunto a Sofía Toro e Ángela Pumariega, mentres que en Río 2016 finalizou cuarta xa no 49er FX xunto á cántabra Berta Betanzos.