Parecía unha decisión inevitable e este martes o Comité Olímpico Internacional (COI) fíxoo oficial. Os Xogos de Tokyo aprázanse ata 2021 debido ao alcande mundial da pandemia do coronavirus Covid-19.
"Nas presentes circunstancias e sobre a base da información facilitada hoxe pola OMS, o presidente do COI e o primeiro ministro de Xapón chegaron á conclusión de que os Xogos da XXXII Olimpíada en Tokio deben ser reprogramados para unha data posterior a 2020, pero non máis tarde do verán de 2021, para salvagardar a saúde dos atletas, todos os involucrados nos Xogos Olímpicos e a comunidade internacional", sinala o comunicado do COI.
A decisión non colleu de sorpresa aos deportistas, xa que do mesmo xeito que as federacións a maioría deles, entre eles moitos dos pontevedreses con opcións de acudir á cita olímpica, se tiñan mostrado partidarios a unha suspensión.
Así, non tardaron en chegar reaccións como a de Támara Echegoyen, campioa en Londres 2012 e xa clasificada para Tokyo, sinalando que "a súa decisión é unha mostra de responsabilidade ante a situación de emerxencia que está a vivir o Mundo. A prioridade é a saúde e o benestar, e o Deporte segue demostrando a súa solidariedade e axuda incondicional nesta loita".
Tamén a de Teresa Portela, cinco veces olímpica e que buscaba en Xapón a súa sexta experiencia nuns xogos. A piragüista recoñeceu que "este ano para min sentíao realmente especial. Loitaba por estar nos meus sextos XXOO" polo que agora "toca esperar a decisión de cando se realizarán". Para finalizar Portela sinalou que "se conseguín estar 20 anos na elite espero poder aguantar algo máis".