Oficial: O Arosa xogará o ascenso a Segunda B no estadio vigués de Balaídos

O Salnés
08 de xuño 2020

A Real Federación Galega de Fútbol, ademais de facer oficial a sede do play- off, confirmou a orde dos encontros. Os de Vilagarcía xogarán a segunda semifinal, prevista para o día 19 de xullo

Estadio Municipal de Balaídos en Vigo RC Celta

A Real Federación Galega de Fútbol confirmou este luns cal será finalmente a sede que acollerá o play-off de ascenso á Segunda División B, no que participará o Arosa.

O escenario será o desexado polos catro equipos participantes tras a reunión mantida a pasada semana, é dicir, o Estadio Municipal de Balaídos en Vigo, todo un campo de Primeira División.

Segundo sinala a Federación, en primeiro lugar contactouse co Real Club Celta, que mostrou a súa total colaboración á idea, aínda que a última palabra era do Concello de Vigo como titular das instalacións, e ese OK chegou co inicio da semana.

Esta noticia vén completada ademais co calendario do play- off  exprés, que definiu a orde das semifinais.

Así, a falta de confirmar o horario definitivo, o primeiro partido disputarase o sábado 18 de xullo entre Compostela e Barco, mentres que a segunda semifinal que enfrontará ao Arosa co Ourense CF terá lugar un día despois, o 19 de xullo. Pola súa banda a gran final decisiva polo ascenso disputarase o 25 de xullo.

A fase de ascenso, segundo o establecido na normativa aprobada pola Federación Española, non contempla a opción de prórroga nin penaltis, polo que no caso dun empate avanzará de rolda o equipo mellor clasificado na fase regular.