Oficial: A Federación deixa o Peixe Galego sen praza en LEB Ouro e o resto de categorías nacionais

Marín
21 de xullo 2020

A comisión xestora da Federación Española de Baloncesto (FEB) non atendeu á solicitude de prórroga do conxunto marinense, que presentara o aval para competir en Ouro fóra de prazo, polo que descenderá non unha senón varias categorías ao non recoñecérselle dereitos deportivos en Prata nin EBA

Partido entre Peixe Galego e Granada na Raña Diego Torrado

As esperanzas do Peixe Galego de manterse na Liga LEB Ouro apagáronse definitivamente este martes, na reunión da comisión xestora da Federación Española de Baloncesto (FEB).

Este organismo debía validar a documentación presentada polos clubs con equipos en categoría nacional para inscribirse nas ligas, cun prazo que concluíra o pasado venres e ao que o Peixe non chegara a tempo de presentar o aval.

O conxunto marinense solicitou entón unha prórroga, pero a FEB non atendeu a razóns confirmado a súa non inscrición e, por tanto, o seu descenso.

De feito a Federación decidiu non cubrir a praza que deixa vacante o Peixe Galego en LEB Ouro, categoría que pasa a ter 18 equipos a expensas do que pase cos ascensos á Liga ACB.

O peor para os de Marín é que a FEB, ao non renunciar á súa praza en tempo e forma, tampouco lle recoñece dereitos deportivos nas categorías inmediatamente inferiores, LEB Prata e Liga EBA, o que supón que o descenso será en forma de varias categorías.

A caída aos infernos dos da Raña será como mínimo ata a Primeira Nacional, baixo a tutela da Feferación Galega, ou mesmo ata a primeira categoría de nivel autonómico.

Existe aínda unha posibilidade de inscribirse en EBA ao haber catro vacantes, senón a caída aos infernos dos da Raña será ata a primeira categoría de nivel autonómico. 

Cabe lembrar que hai uns anos o Peixe Galego xa caeu directamente desde Ouro ata EBA, logrando retornar en só dous anos á segunda categoría do baloncesto nacional cunha impecable traxectoria e conseguindo dous ascensos de maneira consecutiva.