O xulgado ordena a reapertura inmediata da piscina olímpica de Ponte Muíños

Pontevedra
16 de xuño 2022
Actualizado: 17:42

O auto ordena á empresa concesionaria do complexo Rías do Sur, Sidecu S. A., a reabrir as instalacións porque "non se pode interromper a actividade dos deportistas federados nos espazos reservados e cos que hai convenios"

Piscina das instalacións do Complexo Deportivo Rías do Sur Rías do Sur

A piscina olímpica de Ponte Muíños debe reabrir de forma inmediata. Así o recolle un auto do Xulgado de Primeira Instancia Número de 3 de Pontevedra a través do que ordena á empresa Sidecu S. A. a reapertura dos espazos para os deportistas federados, os clues e os socios fundadores da Fundaciónde Rías do Sur.

Esta decisión,que se deu coñecer hai uns días ás partes implicadas, chega despois de que os deportistas federados e os seus clubs adoptasen medidas legais contra a decisión unilateral da empresa concesionaria de pechar as portas deste complexo deportivo. 

Nun comunicado publicado na web da Federación Galega de Natación, puntualizan que esta medida adoptarase mentres se resolve a relación entre a concesionaria e a Fundación Rías do Sur, propietaria da instalación.

A xustificación desta orde céntrase en que "non se pode interromper a actividade dos deportistas federados nos espazos reservados e cos que hai convenios".

Aínda que a reapertura destes espazos debe executarse de forma inmediata, Sidecu S. A. ten a opción de interpoñer un recurso contra estas medidas cautelares ditadas pola Xustiza nun prazo de vinte días a contar desde a publicación do auto. Con todo, desde a Fundación descoñecen aínda se teñen intención de facelo.

Con respecto ao conflito sobre o futuro do complexo deportivo, ao situación continúa enquistada e en mans dos servizos xurídicos dunha e outra parte. O obxectivo principal da Fundación Rías do Sur é que Sidecu cumpra o contrato e, no caso de que non o faga, esixirán á Xustiza a rescisión do mesmo para adxudicalo a outra entidade. En calquera caso, a solución definitiva ao conflito parece estar aínda lonxe.