O ximnasio de Campolongo reabre as súas portas o 22 de xuño

Pontevedra
19 de xuño 2020

O complexo deportivo xestionado por BeOne estivo pechado durante todo o estado de alarma e volverá á actividade con estritos protocolos de seguridade para todos os usuarios

Ximnasio de Campolongo Serviocio Be One

O Centro Deportivo Municipal de Campolongo BeOne reabre as súas portas o 22 de xuño. Despois de permanecer pechado tres meses ao público como consecuenta da declaración do estado de alarma pola pandemia do Covid-19, o complexo reúne xa todos os requisitos para prestar servizo aos seus usuarios con plenas garantías de seguridade.

Para conseguilo, a dirección do centro adaptou as súas instalacións para cumprir con todas as esixencias estatais, comunitarias e locais adoptando unha serie de protocolos propios para garantir o benestar e seguridade. Entre elas, destaca o reforzo en hixiene, limpeza e desinfección, a toma de temperatura no acceso, a renovación constante de aire e a desinfección continua de filtros de ventilación, os puntos de desinfección de calzado e mans, o horario preferente para maiores de 65 anos ou o control de aforo para poder respectar sempre a distancia de seguridade mínima entre usuarios. 

Todas as medidas aplicadas poden consultarse na páxina web www.beone.es/volvemos.

Na zona de auga, tanto en piscinas como spa, reforzáronse ao máximo as medidas de desinfección e limpeza e contrólanse exhaustivamente os parámetros técnicos nestes espazos.

Todo o persoal do centro recibiu formación en medidas de seguridade da Covid-19 e en áreas específicas tanto técnicas como comerciais co fin de poder ofrecer aos abonados unha gran experiencia deportiva. 

Doutra banda, BeOne compensará os servizos pagos e non gozados do mes de marzo e permitirá o acceso gratuíto dos seus usuarios que non se deron de baixa durante o peche ata o 1 de xullo. Ademais durante todo o verán as actividades dirixidas de adultos en auga e seco serán gratuítas e reservables a través da aplicación.