O XaxanCX pecha en Marín unha brillante fin de semana de ciclocrós

Pontevedra
11 de outubro 2021

O ciclocrós galego despediu a súa fin de semana internacional acadando cinco triunfos no XaxanCx

Laura Mira e Uxía Soto no Premio Internacional de Ciclocross de Xaxán

Despois do éxito organizativo do Gran Premio Ciudad de Pontevedra, primeira cita puntuable da Copa de España de Ciclocrós e evento de categoría internacional  C1, Marín tomou a testemuña este domingo con outra carreira puntuable a nivel internacional, o XaxanCX de categoría C2.

A gran maioría de participantes do sábado, con figuras a nivel nacional e internacional, estaban presentes en Xaxan, e tamén unha armada autonómica que sumou cinco triunfos.

Laura Mira completou a fin de semana redonda do Supermercados Froiz na súa volta a esta especialidade gañando na categoría júnior coa súa compañeira Uxía Soto na segunda posición. Ademais Mira logrou un meritorio oitavo posto absoluto.

Pola súa banda a mellor galega na competición feminina foi Carla Fernández (Team Farto- BTC), segunda sub-23 por detrás da francesa Olivia Onesti (Star Casino). A ciclista do equipo pontevedrés foi sétima nunha xeral dominada pola campioa estatal Lucía González.

Pola súa banda na carreira elite masculina o dominio foi para a gran figura nacional, Felipe Orts.

En canto ao Supermercados Froiz, sumou ademais un terceiro posto sub-23 masculino con Gonzalo Inguanzo, penalizado por dúas picadas cando circulaba líder.