Quince meses despois, o Club Waterpolo Pontevedra volverá á competición da man dos equipos infantís, que serán os primeiros do club que poidan volver gozar de xogar un partido de waterpolo. O 8 de marzo do 2020 foi a última vez que o CW Pontevedra xogou partidos de waterpolo.
A cita está programada para o domingo 27 de xuño en Ferrol, na Piscina do CD Javier Gómez Noya, con motivo do Campionato Galego Infantil de verán de waterpolo.
Para que ningún xogador nin xogadora perda a oportunidade de xogar, o CW Pontevedra participa con dous equipos, que se medirán en formato triangular ao Club Mariña Ferrol, club organizador.
Os tres equipos participantes disputarán unha liguiña entre si, comezando ás 15.30 horas co duelo entre Mariña Ferrol e CW Pontevedra A. Unha hora máis tarde mediranse CW Pontevedra B e Mariña Ferrol, para finalizar co partido entre CW Pontevedra A e CW Pontevedra B que comezará ás 17.30 horas. Ás 19 horas será a cerimonia de entrega de medallas e trofeo.
Desde o conxunto pontevedrés expresan o seu "agradecemento ao Mariña Ferrol por encargarse da organización deste campionato e facer posible que nosos e nosas deportistas de categoría infantil poidan volver disputar partidos de waterpolo".