O Waterpolo Pontevedra renuncia "temporalmente" a participar nas ligas galegas

Pontevedra
01 de xaneiro 2021

A entidade pontevedresa desmárcase da postura pactada pola Federación Galega de Natación e o resto de clubs galegos para a reactivación das ligas no principio do ano, e que supón a realización de probas de antíxenos cada dúas semanas aos xogadores de categorías absolutas

Regreso aos adestramentos do Waterpolo Pontevedra Club Waterpolo Pontevedra

A Federación Galega de Natación e os clubs galegos de waterpolo avanzaron nos últimos días na reactivación da competición autonómica, coa intención de que se produza se é posible durante o mes de xaneiro.

No encontro, celebrado de maneira virtual, pactáronse certas medidas que se aplicarán en relación á pandemia, como a realización de probas de antíxenos cada dúas semanas aos xogadores e xogadoras das categorías absolutas. Ademais explicouse a proposta para as categorías de base (cadete, infantil e alevín) creando unha competición sen contacto para que poidan competir con plenas garantías.

Na reunión participaron todos os clubs galegos, é dicir, Club Waterpolo Pontevedra, Real Club Náutico de Vigo, Club Waterpolo Lugo, Club Waterpolo Ourense, Club Marina Ferrol, Club Waterpolo Coruña Rías Altas, Asociación Coruñesa de Waterpolo e Club Waterpolo Cambre.

Tras a mesma, o Waterpolo Pontevedra mantivo unha reunión da súa xunta directiva e outra posterior cos pais para definir a súa postura, contraria de momento a reactivar a competición. "Hai clubs que queren iniciar as ligas xa en xaneiro, pero nós decidimos esperar", confirma o director técnico do club, Javi de Sáa.

"Todos temos ganas de volver a unha piscina para gozar do waterpolo, pero cremos que agora mesmo volver a competición sería precipitado e implicaría asumir uns riscos demasiado altos que non pagan a pena", explica nun comunicado o Waterpolo Pontevedra.

"Levamos case 10 meses sen competir, adestrando cuns estritos protocolos que garantan a seguridade de todos os nosos deportistas e técnicos, pero consideramos que ante o escenario actual o máis sensato e prudente é esperar un pouco máis. Por responsabilidade social, podemos e debemos atrasar a volta á competición un par de meses máis", defenden.

Por todo iso "a Xunta Directiva do Club Waterpolo Pontevedra, unha vez valorada a proposta e analizando en profundidade os pros e contras dunha posible volta á competición nestas condicións, comunica a súa decisión de renunciar temporalmente a tomar parte na mesma para todas as categorías e modalidades propostas", conclúe a entidade deportiva.