Foi o primeiro club deportivo da cidade en anunciar que se acolleu a un Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) con motivo da crise sanitaria, hai xa máis de tres meses, e hora será das primeiras entidades de deportes colectivos que retomará a actividade.
O Club Waterpolo Pontevedra anunciou que se prepara para a volta á piscina, empezando por revogar o ERTE que afectaba os seus adestradores.
"Por fin chegou o momento de volver reencontrarnos nas piscinas e afrontar o reinicio dos adestramentos presenciais", sinalou a xunta directiva nun comunicado dirixido aos seus socios.
Así mesmo a entidade deportiva retomará a cobranza das cotas de actividade a todos os deportistas, suspendidas no seu momento, "tendo en conta que a volta á actividade implica a obrigación de facer fronte aos gastos mensuais habituais (nóminas e Seguridade Social dos técnicos, aluguer de piscinas,…)", sinala o citado comunicado.
Esta decisión complétase coa elaboración dun protocolo de actuación para planificar o regreso aos adestramentos de todos os seus equipos na situación actual, é dicir, garantindo o cumprimento das medidas de seguridade e sanitarias esixidas. É un primeiro paso que continuará co deseño dun plan de adestramento por categorías e grupos para adaptarse ás condicións esixidas nos protocolos das instalacións e tamén para favorecer na medida do posible unha recuperación progresiva do ton físico dos seus deportistas co obxectivo de evitar lesións.
O Waterpolo Pontevedra pretende retomar a actividade, e para iso ten previsto pedir os permisos respectivos, nos seus habituais centros de adestramento, como son o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, o Centro Deportivo Militar de Campolongo e o Centro Deportivo Rías do Sur en Pontemuíños.