O inicio da tempada está ao virar a esquina e todos os equipos da cidade empezan xa a poñerse a punto. É época de longas sesións de traballo e malleiras físicas para gañar fondo, y os adestradores tratan de camuflar o esforzo con xogos e exercicios variados. É o caso do Club Waterpolo Pontevedra que regresou este mércores ao traballo cun adestramento na praia de Mogor.
Os integrantes do equipo de categoría cadete, xuvenil e absoluto participaron durante dúas horas nunha sesión na que combinaron exercicios de forza e velocidade con xogos con balón na auga. Os xogadores chegaron ao areal marinense ao redor das 11.30 horas da mañá, tras uns minutos de quecemento, dividíronse en grupos para disputar carreiras nas que traballaron a coordinación e o tempo de reacción.
Ás ordes de Javi de Sáa, o grupo meteuse despois na auga para realizar unha curta sesión de exercicios con balón baixo a atenta mirada das decenas de bañistas que acoden a diario a esta praia.
Non foron os únicos equipos do club pontevedrés que regresaron este mércores ao traballo. Os equipos benxamín e alevín adestran esta tarde na piscina de Pontemuiños á espera da entrada en funcionamento do complexo deportivo de Campolongo. A continuación, está previsto o regreso do infantil na mesma piscina, mentres non lles autoricen o traslado ao CGTD.
Doutra banda, o club organiza durante todo o mes sesións de portas abertas para maiores de oito anos para que os mozos poidan probar este deporte baixo a disciplina da mellor escuadra galega. O único requisito é que os interesados saiban nadar. A inscrición pode realizarse a través do teléfono 619707810 ou do email info@waterpolopontevedra.com