O Waterpolo Pontevedra acusa a falta de rodaxe na súa primeira competición en 18 meses

Pontevedra
28 de setembro 2021

O club pontevedrés participou a fin de semana na Copa Galega Absoluta, poñendo fin a ano e medio de parón competitivo desde a irrupción da pandemia, xa que a pasada campaña renunciou á súa inscrición nos torneos autonómicos

Equipo do Waterpolo Pontevedra na Copa Galega Absoluta Club Waterpolo Pontevedra

Foi unha longa espera pero ao fin pasou á historia. Despois de 18 meses sen competir, o Club  Waterpolo Pontevedra participou a pasada fin de semana nun torneo oficial tras renunciar o curso pasado pola pandemia.

Foi na Copa Galega Absoluta celebrada na piscina Rosario Dueñas de Ourense.

Os pontevedreses desprazáronse a Ourense con dous equipos masculinos, acusando a falta de rodaxe e caendo ambos os dous nos cuartos de final.

O seu equipo B, con xogadores na súa maioría xuvenís, plantou cara ao CW Coruña Rías Altas cedendo por un tenteo de 11-8, mentres que o equipo A mediuse ao que posteriormente sería campión da Copa Galega, o CW Santiago, que apenas lles deu opción cun contundente 10-3.

Ademais na competición feminina o Waterpolo Pontevedra non participou como tal, pero si o fixeron 8 das súas xogadoras como cedidas no CW Pabellón Ourense, en virtude ao acordo de colaboración entre ambas as entidades.

Con elas, o cadro ourensán venceu 9-7 o RCN Vigo xogándose o título contra o CW Santiago, con quen perdeu 3-7.