O verán tamén está para xogar ao baloncesto no 3x3 do Arxil

Pontevedra
24 de agosto 2019

Oitenta equipos participaron na décima oitava edición da cita estival organizada polo club pontevedrés, que abarrotou a avenida Montero Ríos e a praza de España

XVIII edición do 3X3 urbano organizado polo Arxil Diego Torrado

O verán non só está para ir á praia, tamén para xogar ao baloncesto. Durante toda a xornada deste sábado, día 24 de agosto, a avenida Montero Ríos e a praza de España de Pontevedra convertéronse nunha enorme pista de básquet para acoller a XVIII edición do Torneo Urbano 3x3, organizado, un ano máis, polo Arxil.

Cada ano esta disciplina gaña máis adeptos e é por iso que a escuadra local, co obxectivo de dar aínda máis visibilidade a este deporte en Pontevedra, mobiliza a mozos e mozas de todas as idades para conseguir que este encontro sexa todo un éxito ano tras ano.

Nesta ocasión, foron un total de 80 equipos os que decidiron apuntarse á xa tradicional cita estival, 20 máis que o pasado ano e todos eles dispostos a gozar ao máximo da mesma. Tomaron parte catro grupo de categoría benxamín, seis minis, seis de infantil, 17 de cadete, 12 júnior e, finalmente, 35 sénior, dos cales 8 femininos.

Este ano, o ‘Street Basket’ contou cunha novidade e é que a cita tamén tivo unha parte xenerosa. Disputouse tamén durante o desenvolvemento da mesma a primeira das dúas fases previas do Concurso de Triplos Solidario, o Torneo EncestaRías, onde puido participar todo o que o desexou doando, por cada intento de tiro (tres como máximo por persoa) un quilo de alimentos non perecedoiros.

A actividade chegou ao seu fin ao redor das 20:00 horas co termo das finais sénior masculina e feminina e a posterior entrega dos trofeos.