O tríatlon volverá ser protagonista da oferta deportiva de Pontevedra durante 2015. Xa se coñecía que a cidade do Lérez ía acoller o campionato de España de tríatlon sprint e o campionato de España de acuatlón, os días 20 e 21 de xuño. Pero non será a única cita de relevancia que reservará o calendario nacional. Unha das cinco probas do recén creado circuíto nacional de tríatlon popular será en Pontevedra.
Así o anunciou este xoves o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo. A proba de tríatlon popular Cidade de Pontevedra, que este ano chega á súa décimo quinta edición, integrarase nun circuíto de cinco probas xunto con carreiras similares en Ávila, Madrid, Valencia e Santander.
Aínda que inicialmente estaba prevista para o 23 de agosto, é probable que finalmente se adiante ao mes de xullo.
Ademais, a proba de Pontevedra terá un aliciente especial. A Federación decidiu aproveitar esta carreira para que sexa clasificatoria para o campionato de España de tríatlon olímpico, o que supoñerá un "valor añadido" segundo José Fidalgo, especialmente para os atletas galegos que poderán buscar na casa a clasificación para o Nacional.
Con esta decisión, os seus organizadores esperan alcanzar a cifra de 700 participantes.
Con respecto ao campionato de España de tríatlon sprint, a disciplina máis "multitudinaria" deste deporte, Pontevedra prepararase para recibir uns 1.200 deportistas. Ademais, espérase que haxa unha lista de espera para participar de máis de 200 persoas, ao igual que sucedeu o pasado ano en Altafulla (Tarragona).