O Tríatlon PC Rías Baixas celebra o seu segundo posto na Copa de España de Media e Longa Distancia

Pontevedra
24 de outubro 2022

"Estamos nunha nube, aínda sen asimilar o que conseguimos", aseguran desde o club pontevedrés tras o paso adiante competitivo dado esta tempada e que concluíu no podio nacional

Trofeo do Tríatlon PC Rías Baixas como segundo clasificado da Copa de España de Media e Longa Distancia Tríatlon PC Rías Baixas

Celebración para o Tríatlon PC Rías Baixas tras pechar no podio a Copa de España de Tríatlon de Media e Longa Distancia.

"Agora mesmo estamos nunha nube, aínda sen asimilar o que conseguimos, un equipo sen ningunha historia que apostou por ampliar o noso horizonte competitivo un pouco máis aló das fronteiras galegas e... aquí estamos, segundos da Copa de España", aseguran desde o club pontevedrés tras o paso adiante dado esta tempada.

A xesta, que se empezou a cocer en Platja d´Aro, o Pamplona Half Triathlon, o Sevilla Half Tríatlon e o Challenge Peguera-Mallorca, foi culminada esta domingo no Ibiza Half Triatlon, proba de media distancia que pechaba o certame nacional.

Alí, con Pablo Dapena como punta de lanza cun segundo posto pero tamén coa presenza de Jonathan Mesa e Nick Kastelein, o Rías Baixas confirmou o seu segundo lugar no podio por equipo, só superado polo Portugaletekoa vasco.

"Loitamos, sufrimos, divertímonos e gozamos de cada unha destas experiencias e oportunidades coma se fosen as últimas", defende a entidade deportiva asegurando que "nada é imposible".

Un resultado que reforza o traballo realizado durante todo o ano polo club pontevedrés e que lle dá forzas para seguir pelexando por impulsar o tríatlon desde a Boa Vila.