O pavillón Príncipe Felipe converteuse esta fin de semana en centro neurálxico do tenis de mesa a nivel autonómico coa celebración da vixésimo primeira edición do Torneo Internacional de verán que organiza cada ano o club TM Monte Porreiro. Este ano o evento bateu récords de participación con máis de 300 xogadores e os triunfadores, en diversas categorías, foron os xogadores do conxunto pontevedrés.
Os tenistas locais Noa Bernárdez, Mar Rivas, Pedro Fernández ou Nacho Fernández clasificáronse para as finais en categoría absoluta dos Open A masculino e feminino.
O equipo do barrio pontevedrés, ao finalizar o evento, mostrouse moi satisfeito co resultado do campionato. Non só polas vitorias, tamén polo nivel exhibido polos xogadores en todas as categorías.