Nova tempada e novos obxectivos para o Tenis de Mesa Monte Porreiro.
Ademais de afrontar un novo curso na Superdivisión Masculina, o equipo pontevedrés prepara a que será a súa 15ª campaña consecutiva na División de Honra Feminina, e farao apostando polo talento xove.
Despois de quedar fai un par de anos ás portas do ascenso á máxima categoría, o Monte Porreiro conformou "o equipo máis novo da nosa historia, cheo de ilusión", explica a entidade.
Estará composto por novos valores da canteira e do tenis de mesa galegos xunto a unha incorporación chegada desde o país veciño. Trátase de Susana Costa, internacional lusa sub-19.
Xunto a ela estarán Noa Bernárdez, Mariña García, Candela Oubiña, Alba Álvarez e Alba Prado.
A competición na División de Honra Feminina dará comezo o domingo 29 de setembro, e farao cun derbi local para o Visit Pontevedra ao enfrontarse en Príncipe Felipe ao Pontevedra TM, equipo que o pasado ano finalizou a liga regular en terceiro posto polo quinto lugar do Monte Porreiro.