O Teucro xa coñece os seus rivais para o primeiro curso en Primeira Nacional

Pontevedra
30 de xuño 2022

Os azuis debutarán en casa o 18 de setembro contra o BM Ribeiro de Ourense

Partido entre Teucro e Unió Esportiva Sarrià no Pavillón Municipal Cristina Saiz

A Real Federación Española de Balonmán sorteou este xoves o calendario para a próxima tempada da categoría Primeira Nacional, o terceiro banzo do balonmán español. Trátase da categoría máis baixa á que caeu o Teucro en toda a súa historia.

Os azuis, que tratarán de armar un novo proxecto coa intención de poder regresar nas mellores condicións institucionais e deportivas ao lugar que merece, debutarán o 18 de setembro en casa contra o BM Ribeiro de Ourense. O seu primeiro desprazamento chegará unha semana despois e será ao arquipélago canario para enfrontarse ao Lanzarote.

A liga regular concluirá o 14 de maio do 2023, data na que o Teucro enfrontarase como local ao Lalín. 

Os dous primeiros clasificados ao finalizar a liga regular de cada grupo gañaranse o dereito para participar na fase de ascenso, formada por catro grupos de catro equipos que competirán en formato liguiña a unha volta nunha sede por determinar dos que ascenderá o primeiro clasificado de cada un. 

O equipo pontevedrés quedou encadrado no grupo A, a categoría está dividida en catro grupos, e competirá nunha liga de trinta xornadas a ida e volta contra oito conxuntos da provincia de Pontevedra, dúas da Coruña, un de Ourense e catro de Canarias.

Os equipos que compoñen o grupo son: Luceros, Gáldar das Palmas, Lalín, Ribeiro de Ourense, OAR Coruña, Reconquista de Vigo, SAR de Redondela, Granitos Ibéricos Carballal de Vigo, Lanzarote, La Laguna de Tenerife, Calvo Xiria de Noia, Balonmán Ingenio das Palmas, A Cañiza, Bueu Atlético e Lavadores de Vigo.