O Teucro pide a suspensión da competición polo caso de coronavirus no plantel do Málaga

Pontevedra
10 de marzo 2020
Actualizado: 18:04

O conxunto pontevedrés alega que o aprazamento dun partido cada xornada adultera a competición. O sindicato de futbolistas AFE expón tamén a paralización de todas as competicións  balompédicas

Partido entre o Teucro e o Palma del Río no Pavillón Municipal de Pontevedra Diego Torrado

As reaccións á decisión do Goberno de disputar a porta pechada os partidos de todas as competicións de ámbito estatal e internacional non se fixeron esperar. O sindicato de futbolistas AFE solicitou na mañá deste martes a suspensión de todos os partidos de todas as divisións do fútbol español para garantir a saúde das e os futbolistas e conter a expansión do coronavirus.

Antes de que o CSD comunicase por carta a todas as federacións a orde de pechar as portas de estadios e pavillóns aos afeccionados, o Teucro xa remitira unha carta á Real Federación de Balonmán para solicitar a paralización da División de Honra Prata polo positivo por coronavirus que deu un xogador do plantel do Málaga. O conxunto andaluz é un rival directo na loita pola permanencia da escuadra lerezana e a decisión da Federación foi aprazar soamente os partidos deste equipo ata que o afectado se recupere, algo que desde a Xunta Xestora teucrista consideran que "desnaturalizaría a competición".

No mesmo escrito e antes do anuncio desta medida, os dirixentes pontevedreses deixaron claro o seu rexeitamento á celebración dos partidos a porta pechada, algo que ocorrerá este sábado no encontro de rivalidade que enfrontará no Pavillón Municipal a teucristas e cinsneístas. "A posible medida de celebrar os partidos sen público entendemos que carecería de sentido e sería de xeito evidente improcedente", subliñan.

No referente ao resto de competicións de carácter rexional e autonómico, a Secretaría Xeral para o Deporte ten previsto reunirse este miercoles con representantes de todas as federacións territoriais para decidir sobre a disputa e en que condicións das competicións autonómicas.

No caso das competicións futbolísticas, a RFEF dá liberdade ás federacións territoriais para adoptar a decisión que consideren máis oportuna en función das circunstancias de cada autonomía, aínda que como norma xeral recomendan a suspensión de todos os partidos de todas as categorías.