Esta fin de semana, o Teucro viaxou a Málaga para enfrontarse o Antequera e tentar conseguir unha vitoria que lles fixese esquecer o derbi ante o Cisne da semana pasada. Non puido ser, un gol no último suspiro deixou aos de Pontevedra co mel nos beizos e suman a súa segunda derrota consecutiva.
Os de Luís Montes empezaron mal. Durante os primeiros minutos de partido xa vían como o Antequera poñíase e mantiña por diante no marcador. A maior diferenza para os locais nesta primeira metade foi de 3 tantos (6-3) pero o Teucro enseguida reaccionaba para devolver o empate que lle facía meterse de novo no partido.
Cumpríanse os primeiros 15 minutos e parecía que os de azul ían poñerse por diante, pero dous erros en ataque devolveron unha nova diferenza de 2 goles ao Antequera (8-6) que, novamente, o Teucro volvía igualar.
Quedaban 10 minutos e a boa defensa de ambos os equipos provocou que só se marcasen 3 goles máis antes de que concluíse a primeira metade. 10-9 foi o resultado co que se chegou ao descanso, que puido ser un empate pero os de Pontevedra desaproveitaron o ataque.
Tras o intermedio, a tónica da primeira metade mantívose. O Antequera seguía sendo superior grazas ao seu forte defensa pero por momentos permitía que o Teucro igualase o partido (13-13).
Quedaban 15 minutos e os de Luís Montes durmíronse e viron como os locais conseguían un parcial de 4-0 que cada vez se antollaba máis difícil de remontar pero que se remontou. Foi no minuto 26 cando o Teucro conseguiu poñerse por primeira vez co resultado a favor grazas ás dúas paradas consecutivas de Edu Salazar, pero o tempo corría e a cancha xogaba un factor fundamental (19-20).
De novo, os locais igualaban o partido (20-20) a tan só un minuto e medio de que soase a bucina. O ataque pertencía os andaluces e non perdoaron. Un lanzamento a falta de 5 segundos alcanzou a rede do porteiro teucrista facendo que os dous puntos quedasen en Antequera (21-20).
Consulta a acta do partido Antequera-Teucro na seguinte ligazón.