O Teucro iniciará o 17 de marzo, en asamblea extraordinaria, un novo proceso electoral

Pontevedra
04 de marzo 2022

A asemblea xeral ordinaria e extraordinaria do club pontevedrés está prevista para o día 17 de marzo ás 19.45 horas no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta

Asemblea de socios do Teucro celebrada na residencia de estudantes Cristina Saiz

A Sociedade Deportiva Teucro fixo pública este venres a convocatoria de dúas asembleas, unha ordinaria e outra extraordinaria, para a aprobación das contas e o orzamento, así como para abrir un novo proceso electoral para elixir á nova directiva do club, dirixido actualmente por unha xunta xestora.

Todos os socios con dereito a voto están convocados a participar na asemblea ordinaria o día 17 de marzo do 2022 ás 19.45 horas en primeira convocatoria ou ás 20.15 horas en segunda convocatoria. Mentres que a extraordinaria está prevista para o mesmo día ás 21.15 horas.

O lugar elixido é o Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, na Rúa Javier Puig Llamas, 1.

A orde do día da xunta ordinaria está composto por: liquidación do orzamento da tempada 2020-2021, Balance de Situación e Conta de Perdas e Ganancias ao 31/07/2021, Información sobre o cumprimento do convenio do concurso de acredores, Aprobación, se procede, do orzamento da tempada 2021-2022, Memoria de actividades, Propostas da Xunta Directiva e Rogos e preguntas

Ao finalizar esta sesión comezará unha nova extraordinaria con só dous puntos na orde do día: a aprobación, se procede, do Regulamento Electoral para a elección de presidente da SD Teucro e, a continuación, a aprobación do calendario electoral.

Para participar na asemblea con dereito a voto, será preciso acreditar a condición de socio mediante a debida identificación (carné de socio e DNI) e estar ao corrente no pago das cotas da tempada 2021-2022.