O Teucro gaña o Torrelavega pero queda eliminado da Copa (29-27)

Pontevedra
21 de decembro 2018

O conxunto pontevedrés non logrou remontar os dous goles de desvantaxe cos que chegaba ao choque para seguir adiante na competición copeira e cae polo valor dobre dos goles en cancha contraria. O partido estivo case 50 minutos parado por condensación na pista  

Partido de Copa entre Teucro e Torrelavega Mónica Patxot

O valor dobre dos goles en cancha contraria deixa na cuneta o Teucro na Copa do Rei, despois de vencer o Torrelavega no Municipal no encontro de volta da terceira rolda pero non lograr recuperar a desvantaxe coa que chegaba á cita.

O encontro iniciouse frío como o ambiente, tanto que ata o clima húmido quixo colaborar cunha condensación na pista de xogo que obrigou a parar o partido durante case 50 minutos cando non tiñan nin transcorrido 4 minutos (2-1).

Tras moitas dúbidas, reanudouse o choque cos pontevedreses levando timidamente a iniciativa e buscando como na ida un ritmo lento que non castigase a súa curta rotación, á que se sumaba esta vez Davor Cutura superado un proceso gripal pero que seguía acusando moitas baixas (Moyano, Dani Hernández, Iván Fernández, Cangiani e Juan Quintas). O serbio, desde os 7 metros e asistindo a Samu Gómez, levou o temón do xogo ofensivo no primeiro acto (7 goles, 6 de penalti). No bando contrario José Carlos Fernández facía 6 dos 7 primeiros tantos dos seus para manter a igualada (7-7).

Chegou a poñerse por diante o Torrelavega ante unha serie de erros teucristas (8-9, minuto 20), pero os de Luís Montes, aínda que sen excesivo brillo, recuperáronse para chegar ao descanso coa eliminatoria empatada (13-11).

Co segundo tempo incrementouse o ritmo de xogo, e iso desembocou nun intercambio de goles que inicialmente beneficiou aos visitantes. Así os de Alejandro Mozas empataron o marcador e mesmo tomaron vantaxe (19-20) con case 20 minutos por diante. Faltáballe xogo ao Teucro, que se mantiña na eliminatoria e recuperaba os dous goles de vantaxe. Non chegaba con todo a superar a barreira de tres que lle daba a clasificación.

Foron así avanzando os minutos, nun arame que podía caer para calquera bando. Chegaron a ter varias posesións os azuis para poñer o +3, pero fallaron en todas elas, e na que non o fixeron os colexiados sinalaron unha protestada falta en ataque. Chegábase así aos dous minutos decisivos. O  Torrelavega forzaba en cada ataque o pasivo, e sobre esta ameaza Isidoro Martínez conseguía bater a Santana e poñer un 28-27 que resultaría demoledor para os teucristas. Un resultado maquillado ao final cun tanto de Gehrhardt que non esconde a pobre eliminatoria dos azuis prolongando o seu mal momento.

SD TEUCRO (29): Lloria, Samu Gómez (5), Cutura (11, 9p), Gehrhardt (4), Fischer (1), Domingo Luis, Sergio Pérez (5) -siete inicial- Rial (1), Samuel Pereiro (2), Remeseiro, Alberto Garrido, Santana.

BM TORRELAVEGA (27): Krimer, Eduardo Fernández (1), Setién (2), Oliver (4), Isidoro Martínez (2), Sergio Rodríguez (2), José Carlos Fernández (11, 3p) -siete inicial- Prieto(3), Gerardo García, Duarte (1), Lombilla, Alejandro González, Colunga (1), Urrutia. 

Árbitros: Merino Mori e Moyano Prieto (Castilla-León). Excluíron a Rial, Alberto Garrido (2), Samuel Pereiro e Fischer no Teucro e a Eduardo Fernández, José Carlos Fernández, Alejandro González e Sergio Rodríguez (2) no Torrelavega.

Marcador cada cinco minutos: 3-1, 4-2, 6-5, 8-9, 10-10, 13-11, descanso, 16-15, 19-19, 22-22, 25-23, 26-24, 29-27.

Incidencias: Partido de volta da terceira ronda da Copa do Rei disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante ao redor de 300 espectadores. Antes de comezar o encontro a directiva teucrista entregou un obsequio a Dani Hernández pola súa inminente marcha do club.