Cuarta fichaxe estival na Sociedad Deportiva Teucro, que suma experiencia ao seu plantel coa chegada de todo un trotamundos do balonmán.
Trátase do lateral Eloy Krook, xogador cunha ampla experiencia sobre todo na División de Honra Prata, ademais de probar a liga Asobal co Cangas.
Krook chega ao vicedecano procedente do HC Eivissa de Prata, pero antes militou tamén na categoría no Atlético Novás, BM Alarcos, Palma del Río e Villa de Aranda.
O primeira liña únese desta forma a unha lista de fichaxes teucristas nas que figuraban o gardameta Javi Santana e os extremos Andrés Pérez e Daniel Vicente Pintus, xunto á longa lista de renovacións.
Con este movemento o segundo proxecto do Teucro en Primeira Nacional queda practicamente perfilado.