O Teucro e o Concello repiten experiencia para concienciar os escolares sobre 'saúde, alimentación e actividade física'

Pontevedra
08 de novembro 2021

Os centros educativos que xa confirmaron a súa participación neste programa son: CEIP San Martiño Salcedo, Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, Barcelos, Vilaverde, Santo André De Xeve, Daría González García e Cabanas, CEP Marcos da Portela e CPR San José

Ciclo sobre 'Saúde, alimentación e actividade física' da SD Teucro e o Concello Concello de Pontevedra

O ciclo 'Saúde, alimentación e actividade física' ideado pola Sociedad Deportiva Teucro e a Concellería de Deportes repite experiencia tras o bo sabor de boca da súa primeira edición.

Durante os meses de novembro, decembro e xaneiro responsables da entidade deportiva protagonizarán charlas destinadas a escolares de 3º e 4º de Primaria nas que explicarán a importancia de adoptar hábitos de vida saudables.

"Unha alimentación pouco saudable e o non practicar actividade física con regularidade son as principais causas das enfermidades crónicas máis importantes e ambas son  modificables", asegura o edil de Deportes, Tino Fernández lembrando que estes hábitos adoitan iniciarse "aos tres ou catro anos e establécense a partir dos once, cunha tendencia para permanecer ao longo da vida", polo que a infancia é un período crucial para tentar corrixir a tendencia actual.

Ademais de afondar nos conceptos básicos da alimentación saudable e os beneficios da actividade física, está previsto a entrega a cada neno dun kit de merenda saudable e ao profesorado material para poder traballar na aula.

Os centros educativos que confirmaron a súa participación neste programa son: CEIP San Martiño Salcedo, Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, Barcelos,  Vilaverde, Santo André de Xeve, Daría González García e Cabanas, CEP Marcos da Portela e CPR San José.