O Teucro derrota á Cañiza na primeira rolda de Copa Galicia

Pontevedra
14 de agosto 2019

Luís Montes mostrouse satisfeito co traballo dos seus xogadores a pesar da forte carga de traballo que están a soportar estes primeiros días de pretemporada. En cuartos de final enfrontaranse ao vencedor do duelo entre OAR Coruña e Embutidos Lalinenses

O Teucro derrotou á Cañiza na primeira rolda de Copa Galicia SD Teucro

O Teucro iniciou este martes a súa andaina na Copa Galicia co encontro de oitavos de final contra o Balonmán A Cañiza, ao que superou con claridade por 26 a 35. Iván Rodríguez, con oito tantos, foi o máximo anotador do cadro pontevedrés que se enfrontará ao gañador do duelo entre o OAR Coruña e o Embutidos Lalinenses en cuartos de final.

Desde o primeiro momento do partido o Teucro soubo impoñer a superioridade que se lle presupoñía por xogar nunha categoría superior. Os azuis levaron o ritmo do partido e xa no descanso, ao que chegaron cunha vantaxe de 6 goles (11-17), deixaron a eliminatoria encarrilada.

A pesar da contundencia do resultado, o adestrador teucrista, Luís Montes, declarou que "era un partido complicado no físico, viñamos con moita carga. Aínda así soubemos sacar o partido adiante. Con momentos bos e outro non tantos, como é lóxico en pretemporada". Con todo, o técnico aínda espera que o equipo siga mellorando nos próximos partidos e adestramentos para chegar ao comezo de liga nas mellores condicións. "Queda moito traballo por facer pero en liñas xerais estou contento co traballo do equipo", rematou Montes.