O Teucro confirma a baixa dos xogadores serbios Nikola Perovic e Nemanja Bojicic. Ningún dos dous incorporouse aos adestramentos co conxunto azul despois do parón invernal e desde a directiva levaban varios días negociando a rescisión dos seus contratos despois de que nin o lateral nin o pivote acabasen de ofrecer o rendemento esperado.
A escuadra pontevedresa desexa aos seus dous ex-xogadores a mellor das sortes no seu próximo destino e agradece a súa achega durante os meses que defenderon as cores do Teucro.
A dirección deportiva do equipo lerezano peitea agora o mercado para atopar novas pezas que sirvan de recambio a estas dúas baixas. Adrián Fritiría foi o primeiro en reforzar o persoal teucrista despois de convencer ao corpo técnico tras varias xornadas a proba.
O adestrador Luís Montes está a ter que recorrer ao equipo filial para completar os adestramentos, posto que a lesión de longa duración de Ferrán Cisneros unida a estas dúas marchas deixa moi curto de efectivos ao primeiro equipo, que aínda así conseguiu vencer a domicilio ao Alarcos a pasada fin de semana.