O Team Thunder enfúndase as luvas de novo

Marín
26 de outubro 2020

Catro boxeadores do equipo marinense participaron esta fin de semana en Vigo na primeira sesión de adestramento promovida pola Federación Galega de Boxeo desde a declaración do estado de alarma de marzo

Boxeadores do Team Thunder volven a adestrar con contacto en Vigo Team Thunder

Non o facían desde o decreto do anterior estado de alarma. E, sete meses despois, coincidindo coa aprobación de novas restricións, os boxeadores do Team  Thunder volveron a subir ao cuadrilátero. O pasado sábado nas instalacións da Vella Escola, en Vigo, tivo lugar a primeira toma de contacto do boxeo de competición en Galicia con todas as medidas de seguridade que recolle o protocolo aprobado pola federación, Sanidade e Deporte Galego.

Nesta primeira sesión foron varios os boxeadores da selección galega os que tiveron a oportunidade de volver traballar con contacto para reactivar a competición. Despois de realizar o pertinente test a cada un dos participantes e asegurarse de que deran negativo todos eles, comezaron os adestramentos con total seguridade.

Por parte do club marinense acudiron á cita os boxeadores Eloy Barcia, Pablo Lubián, Amancio Martínez e Aarón González. "Mostrámonos moi satisfeitos por esta iniciativa e cremos que, con seguridade, pódese traballar para reactivar a competición e manter vivo o deporte", declaran desde o Team  Thunder.