O Team Thunder de boxeo expande a súa actividade a Pontevedra

Pontevedra
30 de setembro 2020

O club dirixido polo marinense Aarón González, campión de España de boxeo, chegou a un acordo co Mace Sport para ampliar a súa actividade e asentarse na capital provincial

Xornada de tecnificación de boxeo no pavillón da Cañota Team Thunder Marín

Desde esta mesma semana, o boxeo ten novo protagonista en Pontevedra.

O Team Thunder que dirixe o marinense Aarón González, campión de España de boxeo, chegou a un acordo co Mace Sport para facer uso das súas instalacións e expandir a súa actividade á capital provincial.

Despois de varios anos como referencia en Marín, especialmente a nivel formativo, o Team Thunder foi ampliando a súa actividade aos poucos.

A expansión do club, aseguran, centra os seus esforzos especialmente nas categorías de formación, contando en Pontevedra coa tutela do propio Aarón González e de Alberto Teijeiro, ambos os dous adestradores nacionais de  boxeo.

A pesar de ser un momento complicado pola situación sanitaria, o Thunder asegura que se respectará de maneira estrita o protocolo de prevención da COVID.

Ademais da nova oferta formativa no Mace Sport de Pontevedra, o club de boxeo retoma co inicio do curso a actividade nos seus centros habituais, é dicir, en Marín, no Pavillón Pablo Herbello de Bueu e o ximnasio Celtic Box de Sanxenxo.