O Supermercados Froiz lucirá o logo de Combarro na súa equipación

Poio
06 de maio 2022

O Concello de Poio asina un convenio de patrocinio co equipo ciclista co obxectivo de promocionar o cincuenta aniversario do nomeamento do conxunto histórico de Combarro  

O equipo Supermercados Froiz posa en Combarro Concello de Poio

O Concello de Poio e o Grupo Deportivo Supermercados Froiz veñen de asinar un novo convenio de colaboración, a través do cal a Administración municipal realiza unha achega económica, a modo de patrocinio, para o equipo comandado por Evaristo Portela, que lucirá na súa equipación oficial o logotipo co que se conmemoran os 50 anos do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico.

A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), lembra que o GD Súper Froiz é o segundo equipo máis lonxevo do panorama ciclista afeccionado a nivel nacional. Nestes 35 anos de existencia, o equipo ciclista consolidouse como un referente na súa categoría, acadando un gran número de triunfos e éxitos.

"Falar do GD Súper Froiz é facelo dun dos grandes referentes do noso municipio a nivel deportivo e social", lembra a edil do goberno municipal, que entende que este convenio é moi beneficioso para o Concello desde o punto de vista promocional, ao ir da man "dunha entidade que ten unha gran repercusión mediática e que transmite uns valores de superación, esforzo, traballo e compromiso cos que nos sentimos plenamente identificados".

Marga Caldas incide, ademais, na importancia de subscribir este convenio neste 2022 para dar unha maior visibilidade e promoción ao núcleo de Combarro, cuxo nomeamento como Conxunto Histórico data de 1972.