O STV Roldán murciano será o rival do Marín Futsal nos cuartos de final da Copa da Raíña

Marín
27 de abril 2022

O conxunto marinense xa coñece o camiño que lle espera na ilusionante fase final da Copa da Raíña que se disputará do 6 ao 8 de maio en Ourense, tras o sorteo celebrado pola Real Federación Española de Fútbol. "Para min STV Roldan é un equipazo, pero hai que afrontar o partido dando a cara e ilusionarnos con pasar a semifinais", afirma Raúl Jiménez

Partido de liga en A Raña entre Marín Futsal e Ourense Envialia

O Marín Futsal xa coñece o camiño que lle espera na ilusionante fase final da Copa da Raíña que se disputará do 6 ao 8 de maio en Ourense, tras o sorteo celebrado pola Real Federación Española de Fútbol.

O conxunto marinense medirase nos cuartos de final do torneo co STV Roldán murciano, actual quinto clasificado na máxima categoría.

"Sempre é positivo que te emparelles con calquera que non sexa os dous favoritos ao titulo. Para min STV Roldán é un equipazo, pero hai que afrontar o partido dando a cara e ilusionarnos con pasar a semifinais", analizou o adestrador do Marín Futsal, Raúl Jiménez.

No caso de pasar de rolda, nas semifinais do día 7 de maio o rival das do Morrazo sería o Futsi Atlético Navalcarnero ou o Sala Zaragoza.

No que respecta ao outro lado do cadro os enfrontamentos de cuartos de final serán Melilla-Alcorcón e Burela-Ourense Envialia.

"Non vou agora a pensar que podamos xogar con Futsi. De momento pensar en gozar do que é que imos xogar con Roldán, despois xa veremos", sinalou o técnico do equipo tras o sorteo.

Antes de pensar na Copa, o Marín afrontará como previa un esixente partido de liga, o que lle medirá o vindeiro sábado 30 de abril na Raña (17.00 horas) fronte ao segundo clasificado e actual campión de liga, o Burela Pescados Rubén.