Miguel Sío descansa xa no seu domicilio tras ser operado con éxito o pasado xoves da grave lesión de xeonllo que se produciu durante o partido entre o seu equipo, a Sociedade Deportiva Teucro, e o Cisne, na segunda xornada da División de Honra Prata.
O extremo teucrista foi intervido na Clínica CEMTRO de Madrid tras buscar individualmente unha solución á negativa de cobertura por parte do seguro deportivo tramitado coa Federación Galega de Balonmán, alegando que ao contar cunha lesión pre-existente na articulación, concretamente outra rotura de ligamento hai case unha década, non se debía facer cargo do custo da operación.
Con todo e para sorpresa do xogador, "por mor da publicación nos medios chamaron dous días despois dicindo que volveran a estudar o caso e a reconsideralo, e aínda que seguían defendendo que non era unha lesión que tivesen que cubrir, como xesto de boa vontade facíanse cargo e custeábana", explica Sío.
No seu caso o ofrecemento non lle fixo cambiar o seu plan de recuperación, xa que "non esperaba que iso pasase e busquei a vida pola miña conta. Rechacei a posibilidade de facelo con eles porque xa era demasiado tarde, xa tiña programada a operación e non podía arriscarme a botarme atrás e que se demorase todo", recoñece.
En todo caso espera que o sucedido "se non me serve a min que ao que veña detrás lle poida axudar", defende sobre un problema coa cobertura do seguro que afecta directamente sen ir máis lonxe ao seu compañeiro Marko Dzokic, pendente desde hai un ano de poder realizarse unha artroscopia no xeonllo que o seguro lle nega.
Pola súa banda Miguel Sío pensa xa en recuperarse canto antes, aínda que consciente de que ten por diante entre 6 e 8 meses de convalecencia. Polo menos "agora unha vez operado xa é ir todo cara adiante, aos poucos, lento agora as primeiras semanas, pero todo é avanzar", sinala optimista. O seu regreso ás canchas está xa un pouco máis preto.