O seguro deixa na estacada a Miguel Sío tras a súa rotura de cruzado e négase a custear a operación

Pontevedra
27 de outubro 2021

O seguro federativo alega que o extremo teucrista padecía unha lesión pre-existente ao ter pasado pola mesma situación hai 10 anos. O caso lembra ao vivido co central Marko Dzokic, que vai terminar sendo xudicializado cunha demanda que se prepara desde o club pontevedrés

Miguel Sío no partido entre o Teucro e o San Martí Adrianenc no Municipal
Miguel Sío no partido entre o Teucro e o San Martí Adrianenc no Municipal / Cristina Saiz

Indignación na Sociedad Deportiva Teucro ante a situación na que se atopa un dos seus xogadores, Miguel Sío, tras a grave lesión de xeonllo que se produciu durante o partido da segunda xornada de liga na División de Honra Prata, no derbi pontevedrés fronte ao Cisne.

O extremo teucrista, nun mal apoio, rompeu o ligamento cruzado do seu xeonllo, unha noticia xa de seu devastadora ao ter que pasar polo quirófano e enfrontarse a unha longa recuperación que lle manterá afastado das canchas toda a tempada.

Pero a desgraza non quedou aí, e é que o seguro federativo, obrigatorio para competir, négase agora a custear a operación cirúrxica que necesita.

Así llo comunicou ao xogador, alegando que se trata dunha lesión pre-existente ao ter pasado pola mesma situación hai 10 anos.

A polémica decisión lembra ao caso do central Marko Dzokic, ao que os médico recomendaron operarse a pasada campaña para solucionar os seus problemas no menisco atopándose coa oposición do seguro. Este caso vai terminar nos tribunais, xa que o Teucro está a preparar unha demanda xudicial contra a compañía aseguradora.

Paralelamente o vicedecano está a tentar presionar á Federación Galega para que busque unha solución ao ser "a que contrata os seguros", entenden desde o club pontevedrés, que abona por este concepto preto de 250 euros por cada un dos seus xogadores.