O Real Madrid Castilla e a tarde que elevou a Rufo a ídolo de Pasarón

Pontevedra
26 de xaneiro 2023

A última visita do filial madridista a Pasarón, en 2020, foi a derradeira alegría que levou a afección granate antes do estalido da pandemia, e supuxo ademais a explosión de Rufo como goleador granate, logrando un lembrado hat-trick que aínda non se volveu a repetir desde entón

Partido entre Pontevedra e Real Madrid Castilla en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Real Madrid Castilla en Pasarón / Cristina Saiz

É un clásico xa na terceira categoría nacional, e é que Pontevedra Club de Fútbol e Real Madrid Castilla (antes Real Madrid B) enfrontáronse en 27 ocasións entre a Segunda B e a actual Primeira RFEF. A do próximo domingo 29 de xaneiro (17.00 horas, Pasarón) será só un capítulo máis nun enfrontamento que deixou moitos momentos para o recordo.

Poucos afeccionados granates terán esquecido de feito a última visita do filial madridista á Boa Vila. Era 1 de xaneiro de 2020 e poucos días despois chegaría o estalido da pandemia. Antes o fútbol gardaba unha última alegría á afección granate, que vía como o seu equipo, nunha gran serán, goleaba o Castilla que xa adestraba unha figura como Raúl González Blanco.

O resultado (4-0) facía soñar cunha remontada cara ao play-off de ascenso que a covid cortou de raíz, pero supuxo sobre todo a gran presentación de Rufo ante a que era a súa nova afección.

O dianteiro conseguiu aquel día, unha chuviosa tarde, os seus primeiros goles en Pasarón. Nos partidos previos, recentemente chegado ao club no mercado invernal, só vira porta nunha derrota en Xixón, pero ese día foi diferente. Mostrando un poderío aéreo espectacular, Rufo anotaba tres tantos, todos eles de cabeza (minutos 36, 41 e 78), para deixar vista para sentenza unha goleada que completaría Bustos cun tanto desde o centro do campo. Era o seu primeiro gran día como granate, elevándose a categoría de ídolo desde entón para a inchada. Foi ademais o seu primeiro e único hat-trick como xogador do Pontevedra. De feito desde entón ningún futbolista conseguiu outro triplete.

En canto á estatística, ademais desa última visita do Castilla a Pasarón, destacan os anteriores duelos entre ambos na Boa Vila, xa que o filial acumula tres derrotas consecutivas no feudo granate, cun 2-0 na campaña 17-18 e un 3-0 na 18-19. No que respecta a a última vitoria visitante, produciuse na tempada 2010-2011 (0-2).

A nivel global o filial do Real Madrid visitou Pasarón en 13 ocasións con balance de 7 triunfos pontevedreses, 2 empates e 4 vitorias visitantes. 

Con todo, mirando á actual tempada, os dous equipos chegarán en momentos claramente opostos. Mentres o Pontevedra suma tres derrotas consecutivas e está en postos de descenso, o equipo adestrado por Raúl González é un dos que mellor forma manteñen na competición con 14 xornadas consecutivas sen coñecer a derrota. A última vez que caeron foron na xornada 6 en Alcorcón, e desde entón acumulan 8 partidos gañados e 6 empates que lle manteñen na terceira posición e a só dous puntos dun liderado que teñen a tiro de pedra.