O Rayo Majadahonda castiga a falta de acerto do Pontevedra (2-1)

Pontevedra
26 de marzo 2023

Perdoou o Pontevedra e pagouno caro. Foron moito mellores os de Juan Señor pero foi o Rayo Majadahonda o que castigou a falta de contundencia dos granates, que a pesar de ser dominadores do partido, foron incapaces de acertar para portería  

Partido de Primeira RFEF entre Rayo Majadahonda - Pontevedra CF no Cerro del Espino MosRey Fotografía

Perdoou o Pontevedra e pagouno caro. Foron moito mellores os de Juan Señor pero foi o Rayo Majadahonda o que castigou a falta de contundencia dos granates, que a pesar de ser dominadores do partido, foron incapaces de acertar para portería.

Néstor golpeou ao fío do descanso, David Soto igualou na segunda metade e, na recta final, David Rodríguez noqueó aos granates cando estaban a disputar os seus mellores minutos.

Avisou nada máis comezar o encontro o conxunto local. Tras unha apertura á banda dereita, o balón caeu en botas de Javi Ros, disparou, pero o seu intento pegou nun compañeiro que o desviou a saque de porta. Pouco despois, Cacharrón fixo a súa primeira intervención para atallar o tiro de Nando.

A réplica granate chegou aos 15 minutos de xogo con dúas xogadas de Álex González: a primeira cun chute cruzado que se foi rozando o pau esquerdo e a segunda atrapouna Lucho García en dous tempos.

O partido non tiña dono e as ocasións brillaban pola súa ausencia. Iso si, o Pontevedra completo dominador e o Rayo era incapaz de dar máis de tres pases seguidos ante a alta presión exercida polos xogadores granates, que a pesar de manter o esférico afastado da súa portería era incapaz de crear perigo en área rival.

Atreveuse con todo o Rayo Majadahonda nunha xogada á contra que acabou cun centro de Mario cara a David que, en boca de gol, caeu dentro da área e non puido chegar.

E a pesar de ser o Pontevedra o dono do partido, os locais conectaron e tombárono. Sacou o seteiro granate de porta, Néstor roubou a carteira ao seu par, viu a Cacharrón adiantado e sacou un disparo desde tres cuartos de campo que se aloxou no interior da rede. Corría o minuto 41.

Nada máis saír dos vestiarios, o Rayo Majadahonda puido complicar aínda máis as cousas ao Pontevedra, pero para fortuna granate, Alayeto enviou ás nubes o seu disparo desde o bordo da área pequena na que foi a ocasión máis clara do partido.

Necesitaba o Pontevedra un gol de maneira urxente e chegou alcanzada a hora de xogo. Sacaron en curto de esquina os granates, centro de Borja Domínguez, anticipouse Brais Abelenda ao primeiro pau e peiteou o balón ao segundo onde apareceu David Soto en posible fóra de xogo para anotar o 1-1.

Sentou ben o gol aos de Señor, que se converteron nunha ameaza e buscaron o segundo por medio de Borja, pero Lucho García despexou evitando a remontada do Pontevedra.

Seguiuno tentando o conxunto granate de todas as formas e cores, sobre todo coa entrada de Rufo no verde coa que imprimiu maior verticalidade. E nunha boa xogada entre o madrileño e Brais Abelenda puido chegar o 1-2. O 8 centrou ao segundo pau e por moi pouquiño non puido chegar Álex González a rematar un balón que só con empuxalo coaríase na portería.

Mentres tanto, o Rayo aguantaba o asedio dos de Lérez, que seguían chegando con perigo a portería de Lucho, que salvaba os mobles ao seu equipo atrapando un disparo moi centrado de Borja Domínguez.

Alcanzáronse os últimos 10 minutos e o Pontevedra vivía en campo contrario, pero foi o cadro local o que puido adiantar de novo aos madrileños cun remate de cabeza de Casado que se estrelou no traveseiro. E un minuto despois, David Rodríguez non fallou. Estaba a facelo mellor o conxunto granate pero de tanto perdoar, acabouna pagando. Estanza cabeceou ao momento de penalti a Rodríguez, que estaba só e en dubidosa posición, virouse e anotou a porta baleira o 2-1.

Xa nos minutos finais, os de Pasarón buscaron á desesperada o empate pero foron incapaces de atopar o camiño ao gol e sumando uns novo tropezóns a pesar de ser merecedor de algo máis. Ademais, Señor perde a Cacharrón para o próximo partido ao ser expulsado con dobre amarela no tramo final por protestar o segundo gol local.

 

AYO MAJADAHONDA (2): Lucho García, Casado, Ofoli Quaye, Héctor, David (Aldalur, min. 89), Mario, Néstor, Javi Ros (Mestanza, min 79), Alayeto, Iván (De Iriondo, min. 89) e Nando (Rubi, min. 79).

PONTEVEDRA CF (1): Cacharrón, Anxo Bastos, Churre, Miguel Román (Martín Diz, min. 83), David Soto, Álex González, Brais Abelenda, Alberto Rubio (Masogo, min. 83), Charles (Rufo, min. 69), Borja Domínguez e Seoane.

Goles: 1-0, Néstor, min. 41. 1-1, David Soto, min. 58. 2-1, min. 87, David Rodríguez.

Incidencias: Partido correspondente á 29 xornada do Grupo I de Primeira Federación disputado no Cerro del Espino.