O Rayo Cantabria "é un filial que é o menos filial de todos"

Pontevedra
03 de novembro 2023

O Pontevedra Club de Fútbol recibe este domingo 5 de novembro (17.00 horas) o segundo equipo do Rácing de Santander, un Rayo Cantabria que segundo Yago Iglesias "é un equipo moi serio, que compite moi ben e defende moi ben", ademais do perigo que achegan os seus xogadores ofensivos

Yago Iglesias, no partido de liga entre Pontevedra CF e Oviedo Vetusta en Pasarón Cristina Saiz

Facer bo o empate conseguido no feudo do Avilés é o obxectivo este próximo domingo 5 de novembro (17.00 horas) do Pontevedra Club de Fútbol na visita a Pasarón do Rayo Cantabria, equipo filial do Rácing de Santander.

"É un filial que é o menos filial de todos", asegura o adestrador granate, Yago Iglesias, xa que a pesar da súa mocidade "é un equipo moi serio, que compite moi ben e defende ben", ao que suma o perigo dos seus homes ofensivos.

En definitiva o choque "esperamos que sexa difícil, duro e ante un bo rival", defende o técnico sobre o actual cuarto clasificado, con só tres puntos menos que un Pontevedra que quere manter a fortaleza mostrada nos seus últimos encontros como local para meter de novo presión ao líder Zamora.

Para este encontro "o único que está fóra do grupo é Marcos (Barbeiro)", recoñeceu Yago, aínda que no caso de Borja Domínguez, lesionado desde a primeira xornada e xa adestrando ao ritmo dos seus compañeiros "aínda é pronto para que entre na convocatoria".

Tampouco o fará o dianteiro do filial Víctor Casais que "tamén esperamos a semana que vén contar con el".