O Ravachol Pontevedra seguirá unha tempada máis na elite do bádminton nacional. O equipo pontevedrés cumpriu o seu labor en Valencia ao derrotar ao San Fernando por 5-2, mentres que o Benalmádena non tivo opcións ante o IES A Orde de Huelva.
Con todo, o logro non foi sinxelo. Primeiro polo atraso do voo, que fixo que a expedición pontevedresa chegase ás 5 da madrugada ao seu destino; e segundo porque Jacobo Fernández non podería chegar a tempo para unirse ao equipo pola súa boa actuación nunha competición internacional celebrada en Portugal. Unha situación que finalmente se arranxou por un novo atraso no voo Lisboa-Valencia que transportaba tamén a outros dous xogadores do Ravachol e que lles permitiu chegar ao pavillón só dez minutos antes do inicio do partido.
No primeiro duelo da xornada, o dobres mixto, Jacobo e Elena Fernández remontaron nos dous últimos sets para apuntarse o primeiro tanto. Nos dobres por xénero, o masculino formado por Manuel Brea e Javier Sánchez foi derrotado, mentres que o feminino de Georgina Bland e Lisa Curtin volveron poñer ao Ravachol por diante.
Na rolda de individuais, Jacobo Fernández volveu dar un punto decisivo ao Ravachol ao que Lisa Curtin deu continuidade poñendo o 4-1 no marcador a falta de dous duelos por disputarse, dos que o Ravachol precisaba gañar polo menos un. Posto que o Benalmádena perdera xa o seu partido.
Georgina Bland, aínda que empezou gañando, acabou perdendo o seu partido #nte a exxogadora do equipo pontevedrés Ania Setién. Con todo, Manuel Brea fíxose co triunfo nun vibrante enfrontamento que chegou ata o quinto set e que se decidiu do lado pontevedrés na última xogada.
"A euforia desatouse e o equipo correu a celebrar a vitoria na pista, as bágoas mesturáronse cos berros de rabia que definían unha tempada enteira de sufrimento, pero que culmina co premio de continuar, un ano máis, na elite do bádminton nacional", relatan desde o club os instantes posteriores ao "punto máis importante da historia do club".
Cos ánimos máis acougados, Jesús Pereiro quixo agradecer o esforzo realizado ao longo de toda a tempada a todos os integrantes do plantel. "Esta vitoria é a guinda a unha tempada chea de sobresaltos, e aínda que os partidos e a vitoria de hoxe foron moi importantes, non me quero esquecer de todos e cada un dos integrantes do equipo, desde os mal chamados titulares ata os canteiráns, que achegaron o seu gran de area en cada unha das xornadas. Utilizamos nesta tempada a 16 deportistas diferentes, algúns son auténticos cracks na pista, outros non tanto, pero todos e cada un forman un grupo humano incrible do que non podo parar de enorgullecerme", agradeceu o técnico citando o nome dos 16 artífices desta permanencia.