O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra e responsable da área deportiva, Guille Juncal, solicitou a elaboración de protocolos para garantir a seguridade e a hixiene na reapertura das instalacións deportivas na fase 3 de maneira urxente.
Para Juncal, este debe ser "un traballo primordial", que implique a usuarios, técnicos e funcionarios municipais. "Instamos ao Concello de Pontevedra a que sente cos clubs da cidade, tendo en conta as distintas disciplinas deportivas de cada un deles e, por tanto, as diferentes necesidades que cada un precise".
En referencia ao ximnasio e as piscinas de Campolongo, que poden reabrir coincidindo coa entrada nesta nova fase de desescalada, Juncal declarou que deben "detallarse as directrices con profundidade, debido ao gran numero de disciplinas diferentes e modalidades de adestro que alí se practican".
É por iso, que considera que "non podemos arriscarnos a que os pontevedreses non conten coas ferramentas suficientes para que fagan deporte nas instalacións municipais de maneira segura".
"Desde o grupo municipal do PP de Pontevedra cremos imprescindible dar información precisa, coherente e detallada a todos os usuarios, garantindo así a seguridade de todos e todas", rematou Juncal.