O Pontevedra Club de Fútbol cubriu unha das prazas que aínda tiña dispoñibles, na portería para acompañar na tarefa ao capitán Edu Sousa e competir con el por un posto no once.
O club granate anunciou este luns a incorporación do gardameta andaluz Brian Jaén Mariño.
Trátase dun futbolista de 21 anos que ocupará unha das prazas sub-23 aínda dispoñibles e que asina co Pontevedra para as dúas próximas tempadas.
Brian Jaén procede do segundo equipo do Cádiz CF, ao que regresou o pasado mercado invernal tras saír da canteira cadista en idade cadete e pasar polas categorías inferiores de Real Madrid e Sevilla. De feito no conxunto sevillista acumulou experiencia en Terceira División no Sevilla C, ademais de no Guadalcacín no que estivo cedido.
O gardameta é a sexta fichaxe da entidade tras as chegadas de Álvaro Naveiro, Álvaro Bustos, Sana N'diaye, Pol Bueso e Adighibe, e deixa o plantel un paso máis preto da súa composición final.
A nova peza do equipo incorporarase á pretempada a partir deste martes.